Disney envía a Loki e á Bruxa Escarlata á tele

204

A Disney quere que a súa futura plataforma de streaming comece por todo o alto, e xa conta cun cobizoso plan para facer várias séries limitadas baseadas en persoaxes do universo cinemático da Marvel.

Específicamente, os plans inclúen a Loki interpretado por Tom Hiddleston e a Bruxa Escarlata de Elizabeth Olsen, dous persoaxes que xunto a outros superheroes mais populares están por aparecer en filmes de seu no cinema. Os actores que interpretaron aos heroes no cinema repetirían os seus papéis nas séries deste novo servizo da Disney.

Cada série terá entre seis e oito episódios, con orzamentos que serán semellantes aos dunha grande superprodución para o cinema. A Marvel Studios producirá as séries e Kevin Feige terá mans libres para o seu desenvolvemento. Polo de agora non hai guionistas vencellados.

Os Vingadores que xa tiveron filmes de seu (Iron Man, Thor, o Capitán América) non terán séries novas. Na nova tele da Disney xa hai plans en marcha para unha série baseada no universo da Guerra das Galáxias con Jon Favreau coma supervisor e moitos filmes orixinais que aparecerán na plataforma.

A Disney prefire polo de agora manter o segredo sobre os detalles do seu servizo de streaming, pero suxiren que comezará as súas emisións a finais do ano que ven e que custará mensualmente menos cá Netflix. Moitas das licéncias de persoaxes concedidas a outros servizos ou canles non serán renovadas, para que poidan continuar facéndo-se só coa Disney.