Quinto e Cummings en NOS4A2

199

Zachary Quinto (Spock en Star Trek) e mais Ashleigh Cummings serán os principais protagonistas da nova série de terror sobrenatural da canle AMC, NOS4A2. Kari Skogland dirixe os primeiros dous episódios, baseados na novela supervendas homónima de Joe Hill publicada en 2013.

Quinto fará o papel do enigmático Charlie Manx, un sedutor inmortal que se alimenta das almas dos nenos, e logo deposita os seus restos en Christmasland – unha vila de nadal xeada e retorta imaxinada por Manx, onde todos os días é nadal e ser infeliz é ilegal.

Manx verá como este mundo é ameazado cando unha artista xoven e de clase traballadora de New England (Cummings) descobra que ten un dón perigoso, unha habilidade sobrenatural para seguir o rastro de Manx. Ela loitará por derrotar a Manx e rescatar ás súas vítimas sen perder a súa mente ou caír ela mesma vítima do monstro.

Ebon Moss-Bachrach, Olafur Darri Olafsson, Virginia Kull e Jahkara Smith son os outros protagonistas. Jami O’Brien (Hell On Wheels) será o showrunner da série, que conta co mesmo Hill coma produtor executivo. A primeira tempada terá dez episódios e comezou a se rodar o mes pasado en Rhode Island coa vista posta nunha estrea en 2019.