Adéus a Iron Fist e Luke Cage

759

A Netflix decediu pechar definitivamente dúas das súas séries de superheroes da Marvel que viña producindo: primeiro foi Iron Fist, que se despide após dúas tempadas, e unha semana despois fixo o anúncio respeito a Luke Cage.

A Netflix e mais a Marvel emitiron un comunicado conxunto, no que se dí: “Desgrazadamente, Marvel’s Luke Cage non regresará para unha terceira tempada. Todo o mundo na Marvel Television e na Netflix agradece o compromiso do showrunner, os guionistas, o reparto e mais a equipa que trouxeron á vida ao heroe de Harlem nas pasadas dúas tempadas, e aos fans que apoiaron á série“.

A cancelación seica tivo lugar por mor de diferéncias creativas e na imposibilidade de chegar a un acordo polas condicións dunha terceira tempada. Ambos programas formaban parte do quinteto de séries que a Marvel e mais a Netflix acordaran facer en 2013.

A primeira das cinco, Daredevil, estreou a súa terceira tempada esta semana no popular servizo de streaming e xa recebiu grandes críticas. A segunda, Jessica Jones, terá unha terceira tempada pero ainda está en fase de rodaxe. E a quinta, The Defenders, non está oficialmente cancelada, pero sen Iron Fist e sen Luke Cage, está mais ca morta. A sexta série feita en colaboración coa Marvel, The Punisher, rematou a rodaxe da segunda tempada hai pouco.

A compañía nai da Marvel, a Disney, está a preparar un servizo de streaming de seu e quere recuperar aos superheroes que están en mans doutras canles e compañías nestes intres, coma é o caso da Netflix.