A vida privada de H. P. Lovecraft

1063

O mes pasado [marzo 1999] tiñamos a oportunidade de investigar a vida de Howard Philips Lovecraft dende un punto de vista alleo, coa obra de S.T. Joshi; e desta volta imos ver o mesmo, pero dende o próprio punto de vista do mestre de Providence, a través das súas cartas. Ainda que nunca apareceron no mercado galego, son nombargantes ún dos meirandes tesouros que calquera fan lovecraftiano pode descobrir.

Coma ben sabedes todos os admiradores de H.P. Lovecraft o mestre de Providence deixou coma un dos seus legados máis destacábeis o da súa correspondéncia con centos de persoas por todos os Estados Unidos. En resumidas contas, as súas cartas.

Xa discutimos noutra ocasión se é ou non lícito opinar iso de que se Lovecraft non escribira tantas cartas, daría-lle tempo de escribir máis relatos e contos. Ben, o certo é que temos milleiros de cartas e millóns de admiradores lovecraftiáns desexando coñece-las. Pois o negócio está servido. A editorial Arkham House decatou-se delo e xa hai moitos anos que sacou nada menos ca cinco tomos cheos coa literatura epistolar de HPL. Isto fíxo-o entre os anos 1974 e 1976, pero seica aqueles libros non foron nunca reeditados, mália a súa grande aceptación. Afortunadamente, inda están dispoñíbeis nos armacéns e é posíbel atopa-los todos, ou, no caso que nos ocupa, o quinto e derradeiro, que por ser precisamente o derradeiro é o que maior interese ten dende un punto de vista persoal: son as derradeiras opinións de Lovecraft, as máis auténticas e as máis actualizadas. E iso é un tesouro que non podemos deixar pasar doadamente.

Howard Phillips Lovecraft
Howard Phillips Lovecraft

Ao redor da figura de Lovecraft hai, xa o sabemos, centos de mitos, e case todos falsos. Pero o malo non é iso, senón que o malo é que a própria Arkham House, e ademáis en 1976, cando inda vivía o autoproclamado “discípulo predilecto” de Lovecraft, August Derleth, fose a creadora deses mitos falsos, que son profundamente negativos para a súa figura, non só porque a deturpan atá un grao inadmisíbel, senón porque a convirten nalgo que nin é, nin foi nunca, nin de certo que quixo ser xamáis.

Neste senso, a introdución de James Turner é sinxelamente unha metralla de mentiras. Non hai outro xeito de califica-la. E ainda por riba, mentiras que fican ao descuberto sinxelamente lendo o resto do libro, polo que ou ben se deduce que o prologuista nunca o leu, ou é que nos toma aos lectores por parvos. Deixémo-lo claro dende xa mesmo: contra o que proclaman Turner ou o odioso Sprague de Camp, Lovecraft non foi un fascista. Iso é algo que non só se contradí coa opinión que unha e outra vez expresa o mesmo Lovecraft, senón con calquera interpretación, inda a máis rebiricada, que se queira dar das súas verbas.

O Tomo V recolle as cartas (escolmadas, iso si, polo que ningunha aparece completa) escritas dende 1934 atá pouco antes do 15 de marzo de 1937, a data do pasamento do mestre. Son cartas que revelan a un home incríbelmente culto, apaixoado polos seus amigos, pero terríbelmente descoñecedor da práctica da natureza humán. Digamos que o sabía todo sobre a teoría, pero nada sobre a práctica. Viviu Lovecraft durante este periodo no número 66 da rúa College Street, na súa Providence natal, unha vila á que amaba profundamente, inda sabendo que polo frío lle resultaba moi prexudicial para a súa saúde.

A súa saúde, de feito, será unha das grandes preocupacións do lector, e tamén dos seus amigos, ainda que seica el á penas se se procupaba dela. Residía canda súa tía supervivinte, Annie Gamwell, quen lle axudou en todo intre, ás veces de xeito excesivo, pero sempre nun segundo plan. Coñeceremos a un Lovecraft non só coa saúde mermada, senón tamén cos ingresos económicos cada vez máis e máis baixos, por mor da Depresión e tamén, hai que dici-lo, polo seu penoso xeito de levar os seus negócios, que semellaba case deseñado a mantenta para afundi-lo.

Howard Phillips Lovecraft
H.P. Lovecraft e mais o gato Felis. Mália o seu declarado amor por eles, Lovecraft nunca chegou posuír ningún gato, e tan só alimentaba aos que vivían preto del na rúa.

A súa obra de ficción, mentres tanto, tamén sofrirá unha deminución en intensidade, inda que non en calidade. Mália os constantes rexeitamentos das súas obras polas revistas (en especial, Weird Tales), continuou escribindo, se ben claramente afectado por eses fracasos, que lle levarían a dar opinións moi duras acerca do subxénero Pulp, que máis tarde tratarían de erguer da lama Derleth e os seus amigos da Arkham House, inda que fose a costa de mentiras coma que o mesmo HPL escribía Pulp, o cal é totalmente falso.

Ao mesmo tempo, e por mor das súas viaxes polo Sul dos EE.UU. Lovecraft vai coñecer en persoa a moitos dos seus correspondentes, en especial a Robert Barlow, ao que lle levaba máis de vinte anos de diferéncia, pero que foi ún dos seus millores amigos. Entre a xente coa que se carteaba había-os tan importantes coma Robert Bloch, Clark Ashton Smith, Robert E. Howard, Fritz Leiber, Hoffman Price ou Kenneth Sterling.

Tamén vemos que as cartas estensas (as máis longas de todas, chegando aos vinte fólios e máis) eran para mulleres, coma Helen V. Sully, Elizabeth Tooldridge ou Catherine L. Moore. E entre os que menos cartas tiñan, e ademáis sendo moi pouco amigábeis (sen chegar a ser xamáis aldraxantes), estaba August Derleth, a quen HPL botaba en cara o seu excesivo comercialismo.

Pero vexamos algunhas das opinións políticas de Lovecraft a través das súas mesmas verbas, para coñece-lo en profundidade:

Eu era antes un reaccionário ríxido atá que os acontecementos do meu arredor me forzaron a pensar – realmente pensar – no orde político, industrial e económico“.

Eu era antes un Tory [conservador inglés] ríxido simplemente por razóns tradicionais e de antigüidade e porque nunca pensara realmente na política, a indústria e o futuro“.

Vemos que inda que se confesa ex-conservador, por razóns de falsa aristocrácia, o simple feito de pensar levára-o ao socialismo. Non ao comunismo, do que abominaba e ben que se metía cos amigos que se declaraban comunistas:

Eu son, así pois, diametralmente oposto ao comunismo … Por outra banda, decáto-me que o análise levou-nos a adoptar moitas cousas que, na nosa compracente ignoráncia de onte, chegamos a ridiculizar e a opoñer-nos a elas coma socialistas“.

Fidel aos seus esquemas, Lovecraft non acredita nos vellos mitos marxistas, coma o do internacionalismo obreiro:

“[Os marxistas non poñen] ningún énfase na lealdade ao grupo nacional ou cultural. Ningún inglés se axuntaría en ningunha acción concertada con proletários estranxeiros“.

O internacionalismo é unha ilusión e un mito, agás como política intelixente de non-agresión, compromiso e conciliación“.

O feito de que el mesmo se considere un cabaleiro e non un proletário non lle quita méritos para pensar coma pensa:

Cada vez máis un socialista debe ser unha persoa ben nacida que crea e sinta coma un cabaleiro“.

F.D. Roosevelt
Franklin Delano Roosevelt (1882-1945), o 32. Presidente dos Estados Unidos.

Os seus ataques á dereita eran terríbeis e constantes, porque daquela o Presidente F.D. Roosevelt iniciara a súa política do “New Deal”, de tintes lixeiramente socialistas, e moitos dereitistas se queixaban, decindo que era un ataque ás liberdades:

É sinxelamente frívolo e irrelevante queixar-se (coma fan os aparvados do vello orde) de que esta visión puramente económica sexa unha negación da liberdade individual análoga aos efectos do nazismo ou o bolchevismo“.

O capitalismo está automáticamente condeado polo decurso natural da Economía, de non ser que o apóien as baionetas fascistas“.

O seu fervor por Roosevelt era cada vez maior. Aledou-se moitísimo da súa vitória de novembro do 36, que fóra unha das máis esmagadoras da história do sistema eleitoral americano.

Lovecraft consideraba que os bolcheviques destruían a civilización e a cultura. O seu socialismo abarcaba nombergantes tan só ao orde económico. HPL chegara primáriamente á conclusión de que pagaba a pena apoiar o “New Deal” de Roosevelt pero mesmo ir alén, para evitar unha revolución coma a rusa:

… calquera intento de restablecer os seus priviléxios [da burguesía] nos Estados Unidos sería o sinal dun alzamento realmente xustificado dos famentos e desesperados“.

Lovecraft tiña ideias moi avanzadas para a súa época, contráriamente ao que nos fixeron pensar todos eses supostos “discípulos” seus que fundaron a Arkham House. Así, por exemplo, vemos tamén opinións lovecraftianas sobre o feminismo, ao que se opoñía radicalmente o vello Clark Ashton Smith:

Eu non considero o alzamento das mulleres coma un mal sinal. Máis ben coido que a súa tradicional subordinación era en si mesma unha condición artificial e indesexábel, baseada en influéncias orientais“.

Tamén coida Lovecraft que son ridículos os intentos nazis e fascistas de considerar á muller coma “valquírias” ou “o descanso do guerreiro”, e dí que “falta pouco para que as mulleres estean abondo liberadas do seu pasado para seren un factor activo na vida nacional“.

Lovecraft estaba por igual contra toda caste de ditaduras: “Xusto agora as máis repelentes e exasperantes das grandes poténcias son a Rúsia Soviética e a Alemaña Nazi“. O falso mito de que era un “fascista socialista”, coma o definiu Derleth, é completamente absurdo, e só se apóia en que unha vez describiu a unha raza de áliens (A “Grande Raza” de The Shadow Out Of Time) con eses mesmos adxectivos.

Pero o mito non falso de Lovecraft e que nin tan sequera Derleth quixo sacar á luz foi o do seu racismo. E era un racismo moi concreto, porque tan só consideraba realmente inferiores aos negros. Así, en concreto, opina sobre os chineses:

Só un parvo ignorante podería intentar chamar a un cabaleiro chinés – herdeiro dunha das meirandes tradicións artísticas e filosóficas do mundo – inferior nalgún xeito“.

Lovecraft e Sonia Greene
Lovecraft e a súa muller, Sonia Greene.

Igualmente tamén ten boas verbas para outras minorías coma os xudeus e os españois, inda que deixando claro que el é un “anglosaxón”, e por iso considerába-se xa superior a todo os demáis. Pero respecto dos negros, o seu racismo era total: consideraba que nunca fixeran ren na história, que carecían de cultura própria, e abominaba de cousas coma o jazz ou os primeiros intentos de cultura negra americana. Que sería del agora, se escoitase o hip-hop?

Son asemade curiosas de lér as súas opinións sobre España e os españois:

A única cousa de verdadeira primeira calidade que vin dende o pasado febreiro é Don Quixote, xenuina arte do princípio ao final, sen unha falsa nota“. [Claro que se refire á película de 1933 dirixida por Georg Wilhelm Pabst]

Unha revolta coma a do xeneral Franco en España, apoiada dende o estranxeiro, nunca trunfaría nos Estados Unidos“.

Lovecraft estaba claramente contra o golpe de Estado de Franco, ainda que recoñecía que “ainda prevalecen en España os asasinatos inútiles e a miséria por todas as partes“. Claro que iso tampouco o arranxaría precisamente o “Caudillo”!

A morte de Robert E. Howard colleu-no, coma a todo o mundo, por sorpresa. Mandára-lle unha carta de 28 fólios uns días antes, e atá moito despóis non soubo que nunca a chegara lér. O seu suicídio, nombergantes, non foi nunca criticado, e mesmo chegou pensa-lo para el, inda que non moi seriamente:

Se non podo [obtér máis recursos económicos], sempre haberá algunha solución ao estilo de Robert E. Howard cando chegue ao cabo dos meus recursos“.

Os cartos sempre foron para el unha maldición, e nestes últimos tempos ainda máis. Estaba disposto a aceptar calquera emprego, e queixába-se por non ter traballo, ainda que ben sabía que era en grande parte culpa súa. Tan só había un emprego que non aceptaría nunca: “Se eu fose mozo de novo, estudiaría para algo, para poder tér un traballo remunerado, pero os 46 son os 46! Certamente, non podería converter-me nunha prostituta barata da ficción coma eses rapaces do Pulp“.

E é que a loita contra a subliteratura Pulp sempre estivo na súa mente. Contra o que moitos dos seus detractores (Derleth, de Camp) opinan, abonda con lér as súas cartas para se decatar que Lovecraft abominaba de semellantes cousas. Lovecraft consideraba que un escritor non debería nin tan sequera lér Pulp, nin por diversión. O Pulp contamina a quen o lé, dicía. E a xente de entre os seus correspondentes que lle animaba a escribi-lo, inda que só fose por obtér uns cartos de benefício, recibían respostas coma esta:

Todas as revistas de ciéncia-ficción son simplemente unha chea de boas ideias, estragadas por unha escritura infantil“.

Lovecraft consideraba coma “caídos” aos seus amigos se escribían Pulp, e tan só salvou de entre todos eles a Clark Ashton Smith, porque segundo dicía, despóis o deixara. Nembergantes, tamén tiña moi claro que el mesmo, mália facer Literatura de superior calidade, non estaba ben considerdo entre os críticos precisamente por culpa deses escritores Pulp, que semellaban ser os donos de toda a ficción:

Para os estándares da verdadeira Literatura, eu sinxelamente non existo, o que é igualmente certo de todos os parvos que enchen as revistas Pulp“.

De entre a súa própria produción, cada vez semellaba máis e máis desencantado, atá o punto de que: “A miña nova história cháma-se The Shadow Out of Time, pero estou tan dubidoso respecto aos seus méritos que podería destruí-la“. Tamén afirmaba que “The Color Out Of Space e The Music Of Erich Zann pagan a pena salvar-se” [de entre toda a súa obra].

Debido á súa laboura no ensáio Supernatural Horror in Literature, lera moi abondosamente a autores de toda caste, e por iso podía afirmar con rotundidade que:

É a miña firme opinión que a súa história The Willows [de Algernon Blackwood] é o millor conto de terror xamáis escrito“.

HPL e Frank Belknap Long
Lovecraft e mais o seu amigo escritor Frank Belknap Long en Brooklyn (1931)

Aínda así, o seu favorito en xeral sempre foi Edgar Allan Poe, seguido de Arthur Machen e de Lord Dunsany. No tocantes á súa própria obra, ben sabía el que o seu descoñecemento da xente impedía-lle crear bós persoaxes, pero é que consideraba que “os verdadeiros protagonistas da fantasía de ficción non son as persoas, senón os fenómenos“. E os rexeitamentos das súas histórias cada vez o deprimían máis e máis. Chegou escribir unha carta ao editor de Weird Tales enviándo-lle un relato de seu e decindo que inda que ben sabía que o ía rexeitar, o mandaba coma “mero acto formal antes do rexeitamento“. Logo ficou abraiado cando ese conto en concreto si que foi aceptado. Mala conciéncia do editor da revista? Sen dúbida!

E é que non faltan no libro, por suposto, referéncias ao seu tema preferido: a Literatura. E neste senso, proclama que:

… as definicións do verdadeiro terror ou a fantasía son case imposíbeis de establecer“.

Inda que Lovecraft adoitaba dar os seus puntos de vista con moita facilidade, era moi reticente a falar da súa vida privada. Nunca falou do seu matrimónio, agás se lle preguntaban directamente por el, e daquela contestaba que “as pequenas semellanzas non medraron o agardado, e as pequenas diferéncias non deminuíron o agardado“, referíndo-se ao divórcio da súa muller Sonia Greene.

Lovecraft recibía, segundo a súa própria confesión, de 5 a 10 cartas todos os días. E o problema é que moitas delas non só pedían unha resposta normal, senón que requerían búsquedas, traballo ou respostas ben argumentadas. Inda que a súa intención era deminuír o ritmo de respostas, deixando algunhas sen contestar, nunca o fixo, e todas as cartas que lle chegaban tiñan sempre a súa volta.

E igual que o mes pasado rematei explicando que as obras de Lovecraft son, de feito, de domínio público, mália que a Arkham House se apoderara delas, rematarei esta vez con esta explicación, que daba o 14 de agosto de 1936 a Willis Conover:

… respecto a reproducir partes das miñas cartas, non sei de ren especialmente privado nas miñas, agás que non quixera que aparecera ningunha opinión ou implicación negativa para un compañeiro escritor…

Do cal non tería que se desacougar, porque realmente nunca falou mal dos seus amigos nin compañeiros. Tan só dalgunha xente á quen non coñecía directamente atrevía-se a lles poñer alcumes: A Hugo Greensback, por exemplo, chamábao Hugo “A Rata”. Pero ao director de Weird Tales tíña-o abrasado a críticas.

Resultan, ao cabo, un pouco reveladoras frases súas coma cando dí que “é divertido ver como os intereses primeirizos regresan contra o final da vida“. Sabía HPL que o fin da súa vida se achegaba? Non é normal, en todo caso, dicir algo así aos 46 anos. Pero é que Lovecraft sempre se considerou “maior”, “un vello” e adoitaba definirse coma “o aboíño” diante dos seus amigos.

Lér Selected Letters V é un exercizo que recomendo a todo bó lovecraftiano. Servirá para coñecer a fondo a vida dun home que inda que é adourado por fans e friquis atá o extremo de que as súas cartas privadas foron publicadas, só foi iso, un ser humán. Excepcional nunhas cousas e moi inferior noutras. As veces lamentaremos profundamente que non vivise uns anos máis, e nos preguntaremos “o que opinaría respeito de…?”. As barbáries nazis, a bomba atómica, a posguerra, as novas tecnoloxías… Pero no fondo, ben sabemos o que pensaría. Abonda con lér con xeito. O único que realmente cómpre botar-lle en cara hoxendía é o seu racismo, que non sabemos se seguiría mantendo cincuenta anos despóis, cando inda hoxe nos Estados Unidos é moeda de troco habitual.

En calquera caso, un libro que paga a pena mercar, lér e meditar.

 

Este artigo foi publicado por primeira vez no número 9 de NOVA FANTASÍA en xuño de 1999.