Adéus, Stan Lee!

83

Stan Lee, indubidábelmente o mais famoso escritor e editor de cómics do mundo, ven de morrer aos 95 anos de idade, segundo confirmou a súa filla avogada. Lee foi trasladado ao Centro Médico Cedars Sinai en Los Angeles hoxe luns após de sofrir unha emerxéncia, e finou tan só unhas horas despois.

Traballando xunto ao debuxante Jack Kirby, Lee transformou a daquela modesta editorial Marvel até ve-la convertida na mais importante corporación multimédia do mundo do cómic, grazas aos persoaxes que directa ou indirectamente creou: Spiderman, Hulk, os X-Men, Iron Man, Thor, o Capitán América, os Vingadores, Pantera Negra, os Inhumáns, o Doutor Strange… Todos eles foron levados ao cinema e mais á televisión nos últimos tempos. O seu grande mérito foi o de crear histórias con releváncia social que atrairon aos leitores mozos dun xeito que nunca antes fixera ninguén.

Nacido baixo o nome de Stanley Martin Lieber, comezou a debuxar para a Timely Comics, a que mais tarde se convertería na Marvel, baixo o seudónimo de Stan Lee, aínda que logo mudou o seu nome legalmente. O seu primeiro persoaxe foi o Capitán América, que creou en 1941. Após de servir no Exército durante a Segunda Guerra Mundial, converteu-se no editor xefe da editorial, nun princípio de xeito temporal, e só porque o seu tío Martin Goodman non puido atopar a ninguén con mais experiencia.

O caso é que Goodman permitiu-lle traballar con liberdade no xénero dos superheroes. Alí Lee creou un novo tipo de heroe, con defectos, inseguridades, mesmo con problemas románticos, que permitiu que os rapaces se sentiran identificados. As histórias comezaron a falar da Guerra do Vietman, das eleccións, da discriminación, a intoleráncia ou o activismo estudantil.

O éxito dos Catro Fantásticos fixo nacer unha manchea de novos persoaxes, nos que Lee traballaría nas histórias e deixaría aos debuxantes ocupar-se das ilustracións. O “Método Marvel” consistía en que o artista e mais Lee creaban un argumento xeral, e a partir do mesmo, o debuxante facía as ilustracións, que logo eran enchidas cos diálogos por Lee. O traballo fíxo-se moito mais colaborativo con Steve Ditko, John Romita Sr. e Jack Kirby, neste último caso até seren “o Lennon e mais o McCartney do mundo dos cómics“, coma os definiu o creador de Dark Horse Comics Mike Richardson. E coma no caso dos Beatles, non rematou ben, porque os dous xénios separaron os seus camiños.

Lee axudou a modificar o estrito organismo de censura dos cómics americanos, a Comics Code Authority, que fora creada polas mesmas editoriais nos anos 50 para evitar seren declaradas “anti americanas”. Lee escribiu unha história en tres partes na que o millor amigo de Spiderman, Harry, caía adicto ás drogas, e logrou que a CCA lle dera o selo de aprobación.

A partir de xuño de 1972 Lee deixa de escribir cómics e asume soamente o rol de editor, ainda que retendo o título de presidente de honra da Marvel. Grazas á súa extravertida persoalidade e ás súas dotes coma vendedor, Lee transfórma-se nunha figura pública, aparece en convencións, asina cómics e participa en mesas redondas e conferéncias cos fans e converteu-se nunha espécie de embaixador mundial da indústria do cómic. Apareceu en cameos en case todos os filmes da Marvel, as derradeiras foron Deadpool 2 e Guardians of the Galaxy 2, pero tamén se interpretou a si mesmo noutros escenários, coma a comédia The Big Bang Theory.

En 1998 e xunto a Peter Paul creou a Stan Lee Media, que ainda que resultou ser un fracaso, foi o primeiro intento de introducir os cómics na Internet.

Criado nunha família xudea pero declarado non crente, casou en 1947 con Joan Clayton Boocock, até o falecemento desta en 2017 tamén aos 95 anos. Sobrevíven-lle a súa filla Joan Celia e por suposto, millóns e millóns de fans por todo o mundo, para os que hoxe é un día triste.

Excelsior, mestre!