Mr. Mercedes, renovada outra tempada

83

A Audience Network ven de renovar para unha terceira tempada o seu thriller de terror psicolóxico Mr. Mercedes, inspirada na triloxía de libros orixinal de Stephen King.

Jack Bender regresará coma director e David E. Kelley coma supervisor da sala de guionistas nunha nova tempada de dez episódios que comezará a se rodar en Charleston, South Carolina, a primeiros de 2019 coa vista posta nunha estrea que non se producirá até finais do mesmo ano.

A primeira tempada estaba baseada na novela homónima de King sobre un detective retirado, Bill Hodges (interpretado polo actor irlandés Brendan Gleeson), obsesionado co caso dun asasino, Brady Hartsfield (Harry Treadaway), que matou a dezaséis persoas nun Mercedes roubado e que continúa sen ser descoberto anos despois.

O asasino rexurde e comeza a se burlar do detective, levando aos dous a un xogo mortal do gato e mais o rato. Na segunda tempada hai moitos mais elementos sobrenaturais e de ciéncia-ficción.

Jack Huston, Tessa Ferrer e Maximiliano Hernández son os outros protagonistas da série, que emitiu este ano a súa segunda tempada cuns bós índices de audiéncia e en xeral críticas positivas.

Marty Bowen, Wyck Godfrey, Tom Lesinski, Jenna Santoianni, Shane Elrod e Kate Regan son os produtores executivos.