Netflix cancela Daredevil

870

A readquisición dos dereitos dos persoaxes da Marvel pola Disney está a se converter nunha misión imposíbel para os espectadores que ainda tiñan esperanzas de ver algún contido fóra das canles que xa son propriedade da mesma Disney. Así, a Netflix ven de tomar a decisión de cancelar unha das súas séries con mais éxito, Daredevil, deixando claro que as esixéncias da Casa do Rato sobre os seus persoaxes son demasiado altas mesmo para a todopoderosa Netflix.

Este será polo tanto o terceiro persoaxe da Marvel que se despida das pantallas da Netflix, despois de que Iron Fist e Luke Cage non puideran nin tan sequera chegar á súa terceira tempada. Daredevil, protagonizada por Charlie Cox, contaba até agora con todas as papeletas para continuar, dado o seu éxito de audiéncia e de crítica, pero non puido ser.

Nun comunicado, a Netflix di: “Marvel’s Daredevil non regresará para unha cuarta tempada na Netflix. Estamos tremendamente orgullosos da última e derradeira tempada da série e ainda que sexa doloroso para os fans, coidamos que é o millor pechar este capítulo cunha nota alta. Agradecemos aos nosos parceiros na Marvel, o showrunner Erik Oleson, os guionistas da série, á equipa estelar e mais ao incríbel reparto incluíndo ao mesmo Charlie Cox coma Daredevil, e estamos agradecidos aos fans que apoiaron a série ao longo dos anos. Ainda que a série remata na Netflix, as tres tempadas existentes continuarán no servizo durante os vindeiros anos, mentres que o persoaxe de Daredevil vivirá en proxectos futuros para a Marvel“.

Así pois, nestes intres só Jessica Jones e The Punisher fican. Ambas séries contarán con novas tempadas, unha terceira e mais unha segunda respectivametne, que están arestora en postprodución e que serán emitidas ao longo de 2019, pero o mais seguro é que tampouco continúen despóis.