Reparto completo de The Mandalorian

65

O veterán dos filmes de acción Carl Weathers, o realizador de documentáis Werner Herzog, o protagonista de Breaking Bad Giancarlo Esposito, o lendário Nick Nolte e mais as xoves promesas Omid Abtahi (American Gods) e Emily Swallow (Supernatural), xunto aos xa anunciados Pedro Pascal e Gina Carano, conformarán o reparto de actores que darán vida aos protagonistas de The Mandalorian, a nova série de televisión baseada no universo de Star Wars que dirixirá Jon Favreau.

Despois das histórias de Jango e Boba Fett, outro guerreiro xurde no universo de Star Wars. The Mandalorian está ambientada despois da caída do Império e antes do xurdimento da Primeira Orde. Seguiremos as andainas dun pistoleiro solitário nos límites externos da Galáxia, moi lonxe da autoridade da Nova República.

Favreau escribiu a série, que conta entre os seus directores con Dave Filoni, Taika Waititi, Deborah Chow, Rick Famuyiwa e Bryce Dallas Howard, ademais por suposto do próprio Favreau. Os produtores executivos son Jon Favreau, Dave Filoni, Kathleen Kennedy e Colin Wilson. A primeira tempada conta con dez episódios, que terán un orzamento conxunto de 100 millóns de dólares, e será estreada a finais de 2019.