Dave Bautista úne-se ao novo Dune

193

Dave Bautista (Drax o Destrutor en Guardians of the Galaxy) unirá-se a Timothee Chalamet e a Rebecca Ferguson no vindeiro filme do realizador canadiano Denis Villeneuve Dune, a adaptación para a Legendary en dúas partes da clásica novela homónima de ciéncia-ficción orixinal de Frank Herbert.

Ambientada nun futuro moi distante, a história narra as aventuras de Paul Atreides (Chalamet) cuxa nobre família acepta o encargo do Emperador para se facer co control do planeta desértico Arrakis. Coma único planeta no unierso capaz de producir o valioso recurso coñecido coma melange, que permite facer viaxes espaciais, o control de Arrakis é un posto moi desexado entre as famílias nobres.

A história explora temas de política, relixión e a relación do home coa natureza mentres conta como a família Atreides é traizoada e Paul debe liderar unha rebelión para poder recuperar o control de Arrakis. Ferguson interpreta á nai de Paul, Lady Jessica, que fuxe con el ao deserto e o axuda a se converter no salvador coñecido coma o Muad’Dib.

Bautista interpretará o papel de Rabban, o sádico sobriño do vilán da história, o barón Vladimir Harkonnen, o novo líder de Arrakis. Villeneuve, Eric Roth e Jon Spaihts escribiron o guión e Villeneuve será o produtor canda Mary Parent e Cale Boyter.

A novela foi xa versionada dúas veces, unha no cinema por médio de David Lynch en 1985, e outra na televisión na canle Syfy en 2000.