Snyder dirixe ao exército dos mortos

906

O realizador Zack Snyder (300, Watchmen) será o director do vindeiro filme de zombis Army of the Dead que producirá a Netflix.

Joby Harold (King Arthur: Legend of the Sword) escribiu o guión, que ven sendo un filme de atracos ambientado no médio dun ataque zombi en Las Vegas. Un home axunta un grupo de mercenários para entrar no xogo definitivo: aventurar-se na zona en corentena para facer-se co meirande botín imaxinábel.

Snyder será o director e produtor xunto á súa muller e parceira, Deborah Snyder, e con Wesley Coller. O proxecto é o primeiro posterior á longametraxe da Liga da Xustiza e tamén é o regreso a un xénero que lle forneceu con moita sona aló por 2004 cando realizou un remake de Dawn of the Dead.

A Netflix pola súa banda recolle o testemuño dun filme que estaba a languidecer nos caixóns da Warners. Este acordo podería supoñer un precedente para outros proxectos que están abandoados polos grandes estudos e que non rematan por saír adiante.

A produción comezará este verán cun orzamento que podería ascender até uns incríbeis 90 millóns de dólares. Preguntado se iso suporía que pode facer o que desexe, Snyder dixo nunha entrevista que “ninguén nunca me deixou as mans libres totalmente. E non hai esposas neste proxecto“.