A Utopia volve coa Amazon

123

O servizo de streaming da Amazon está a preparar un remake da série inglesa de 2013 Utopia, que contará con Sasha Lane coma protagonista.

A história orixinal, escrita por Dennis Kelly, ía sobre un grupo de adolescentes que se coñecen online e que após de obteren unha cópia dunha novela gráfica case mítica e de culto, comezan a ser perseguidos sen piedade por unha misteriosa organización governamental.

Nas páxinas do cómic descobren a existéncia dunha teoría da conspiración que podería ser certa, o que lles obrigará dun xeito non só perigoso, senón mesmo irónico, a tentaren salvar o mundo. Lane interpretará a Jessica Hyde, unha rapaza fóra da lei que vive unha vida allea á sociedade.

A série fora emitida polo Channel 4 inglés ao longo de dúas tempadas de seis episódios cadansúa, con diferente éxito: a primeira, mália a controvérsia pola súa brutal violéncia, contou co apoio da crítica, mentres cá segunda foi un desastre que non convenceu a ninguén.

A Amazon encargou xa unha primeira tempada de nove episódios no pasado mes de abril, todo elo despois de que a HBO tivese este mesmo proxecto en desenvolvemento ao longo dos últimos anos, con David Fincher e Gillian Flynn vencellados á dirección. Flynn aínda está a bordo do proxecto coma showrunner, mentres ca Kelly será o produtor executivo.