The Stand terá unha série limitada

686

Os plans para levar á pantalla grande unha adaptación da clásica novela de terror de Stephen King The Stand levaban xa moito tempo paralizados: as últimas novas son de hai catro anos, cando a Warners falaba de facer unha longametraxe e mais unha série de televisión na canle Showtime. E todo iso por non falar dos primeiros plans, que se remontan aos anos 80 cun proxecto do defunto George A. Romero que nunca chegou ver a luz.

Agora seica o proxecto ven de ser modificado para converte-lo nunha série de dez episódios que sería emitida polo servizo de streaming CBS All Access.

Josh Boone (The New Mutants) levaba moito tempo vencellado a esta adaptación e formará equipa con Ben Cavell para produciren conxuntamente a nova série, que o primeiro dirixiría.

A história orixinal ía sobre unha épica batalla entre o ben e o mal após de que a case toda a povoación dos Estados Unidos fora eliminada por un virus mortal, que só deixou vivos a un pequeno grupo de supervivintes que deben loitar contra unha figura semellante ao Anticristo, chamada Randall Flagg.

Nun comunicado oficial, Stephen King dixo: “Estou moi emocionado e moi contento de que The Stand vaia ter unha nova vida nesta emocionante nova plataforma. A xente vencellada son homes e mulleres que saben perfectamente o que están a facer; os guións son dinamita. O resultado promete ser algo memorábel e apaixoante. Coido que levará aos espectadores a un mundo que esperan que nunca aconteza“.

A anterior adaptación do libro á televisión foi en 1994 nunha minisérie de catro episódios que contou con Gary Sinise, Molly Ringwald e Rob Lowe coma protagonistas, e con cameos de famosos coma Kareem Abdul-Jabbar, John Landis, Sam Raimi, Ed Harris, Kathy Bates ou o mesmo Stephen King. A Marvel tamén fixo unha adaptación ao cómic nunha minisérie escrita por Roberto Aguirre-Sacasa.