Netflix produce fantástico español

172

A Netflix ven de revelar a produción de novas séries para o mercado español, entre as que se contan dúas adaptacións de obras de xénero fantástico, coa intención de se dirixiren ao público adolescente a partir de 2020.

Na que segundo a Netflix será “unha comédia que porá os pés na terra aos superheroes“, a série El Vecino contará coa dirección de Nacho Vigalondo e a produción da Zeta Audiovisual, a mesma compañía que realiza Élite. Baseada nas novelas gráficas de El Vecino creadas por Santiago García e Pepo Pérez e publicadas pola editorial Astiberri, a série estará protagonizada por Quim Gutiérrez (Spy Time, ou coma se titulou en España, Anacleto Axente Secreto) no papel de Javier, un tipo con problemas no traballo e coa súa moza, a quen un día un álien lle dá superpoderes que lle permiten converter-se en Titán, un enmascarado con capa que se enfronta ao Doutor Tentáculos e a outros superfalcatruáns.

Clara Lago (Ocho Apellidos Vascos), Catalina Sopelana e Adrián Pino serán os coprotagonistas.

A segunda série será unha adaptación da triloxía de novelas publicadas pola SM Memórias de Idhún, que se converterá unha série de anime dirixida por Maite Ruiz de Austri. A produción executiva correrá a cargo de Pilar Blasco e Alexis Barroso. A escritora orixinal, a valenciana Laura Gallego, e mais Andrés Carrión ocuparán-se dos guións, que narrarán a história de dous mundos: Idhún e mas a Terra, e da batalla cósmica entre os seis deuses creadores e mais o malvado sétimo deus.

As Memórias de Idhún levaban algún tempo baixo a ollada dos produtores cinematográficos, pero até agora ninguén se poidera facer cos seus dereitos, xa que a autora negou-se a que cambiaran a súa história. A compañía Zeppelin (pertencente ao grupo Endemol Shine) será a produtora.