As Trinta Moedas de La Iglesia

739

A HBO Europe ven de lle dar a luz verde á produción dunha nova série do director bilbaíno Álex De La Iglesia que levará por título 30 Coins (ou 30 Mónedas, na súa versión para o público castelánfalante).

A série comporá-se de 8 episódios que se rodarán este mesmo ano en España. O habitual parceiro de De La Iglesia, Jorge Guerricaechevarría, será o coguionista, coa empresa madrileña de De La Iglesia Pokeepsie Films coproducindo. Os produtores executivos serán Miguel Salvat, Steve Matthews e Antony Root.

30 Coins xirará ao redor dun cura exiliado, o pai Vergara, exorcista, boxeador e ex-convito, que vive nunha remota aldea en España. E ainda que ten a esperanza de ser esquecido por todos, os seus demos atoparán-o alí.

O cobizoso alcalde da vila, Paco, alía-se coa veterinária Elena para descobrir os segredos do pasado de Vergara, e os tres rematarán por unir-se e loitar conxuntamente contra unha conspiración mundial que quere controlar as trinta moedas de prata coas que Xudas Iscariote foi pagado cando traizoou a Xesús de Nazaré. Coma era de agardar, as moedas están malditas e posúen poderes sobrenaturáis.

De La Iglesia dixo nunha rolda de prensa: “30 Mónedas é o proxecto co que levo soñando toda a vida. É unha série de terror puro e duro, sen concesións, na que se xuntan suspense, acción e mistério nas entrañas dunha aldea da España profunda, extendéndo-se por todo o mundo“. E engadiu: “É o xénero sen edulcorantes, coa insana intención de entreter e quitar o soño. Seres aberrantes, seitas malditas, segredos inconfesábeis xurden das fendas dunha realidade que xa só nos inspira desconfianza… Unha delícia para todos os que queren divertir-se pasando medo“.

De La Iglesia é un dos mais salientábeis directores de xénero fantástico españois dende que en 1993 se estreara con Acción Mutante, unha comédia de ciéncia-ficción producida por Pedro Almodóvar e coa que deixou ver cal sería o seu estilo subseguinte, unha mistura de fantástico e humor nun complicado equilíbrio. En 1995 dirixiu o seu clásico El Dia De La Bestia, un filme de terror situado en Madrid e co que gañou o prémio Goya ao millor director. O seu filme de 2010 Balada Triste de Trompeta gañou o León de Prata no Festival de Cinema de Venécia, e na televisión nacional española foi responsábel da comédia Plutón B.R.B. Nero.

En inglés dirixiu a Elijah Wood e John Hurt en The Oxford Murders, un thriller de 2008 que nombergantes contou cunhas críticas moi negativas.

Só Álex, cunha voz e un universo de seu, pode desenvolver un proxecto desta ambición narrativa e visual“, dixo Salvat, responsábel da programación para HBO España. “Foi un proceso de desenvolvemento frutífero e emocionante con Álex e Jorge. Estamos seguros de que 30 Mónedas encaixará perfectamente nunha marca que xa conta cun grande legado“.