Após da súa exitosa colaboración coa Marvel na série para adolescentes Runaways, a empresa de transmisión de dados Hulu ven de anunciar no decurso dunha mesa redonda na Asociación de Críticos de Televisión que van ampliar a súa colaboración para produciren catro novas séries de debuxos animados, ainda que esta vez dirixidas aos adultos, e mais un programa especial.
As catro séries serán Marvel’s Howard the Duck, Marvel’s M.O.D.O.K., Marvel’s Hit-Monkey e Marvel’s Tigra & Dazzler Show. O programa especial levará por título Marvel’s The Offenders.
Kevin Smith e Dave Willis escribirán e serán os produtores executivos de Marvel’s Howard The Duck, no que o famoso pato (a quen xa vimos nun clásico filme de 1986 e mais recentemente en Guardians of the Galaxy) tentará regresar ao seu planeta coa axuda da súa moza Beverly. E todo elo antes de que o malvado Dr. Bong poida cociña-lo.
Patton Oswalt e Jordan Blum serán os responsábeis de Marvel’s M.O.D.O.K., unha série centrada no ególatra superfalcatruán cunha cabeza xigante e un corpo minúsculo, que tenta manter o control da súa organización criminal e ao mesmo tempo o da súa esixente família.
Marvel’s Hit-Monkey será unha saga de vinganza sinistra pero divertida sobre un mono de neve xaponés maltratado, tutelado pola pantasma dun asasino americano, e que deixa unha profunda pegada no baixo mundo de Tóquio. Contará con Josh Gordon e Will Speck coma guionistas e produtores executivos.
Chelsea Handler e Erica Rivinoja pola súa banda serán os guionistas e produtores executivos de Marvel’s Tigra & Dazzler Show, sobre dúas superheroínas e amigas, Tigra e Dazzler, quen loitan por seren recoñecidas entre os oito millóns de habitantes de Los Angeles.
O programa especial, The Offenders, tentará unir aos catro anteriores unindo a todos os heroes nunha misión por salvar o mundo “e certas partes do universo”. Jeph Loeb, da Marvel TV, será o produtor executivo.