O Bastón Rúnico adaptará-se á televisión

144

A BBC Studios vai desenvolver unha adaptación para a televisión de Runestaff, a cuatriloxía de novelas de fantasía heróica de Michael Moorcock publicadas entre 1967 e 1969. A produtora, que tamén posúe os dereitos sobre The Good Omens de Neil Gaiman e Terry Pratchett, asegurou-se os dereitos sobre as catro novelas da saga: The Jewel in the Skull, The Mad God’s Amulet, Sword of the Dawn e The Runestaff.

Esta é a adaptación dunha obra de xénero fantástico mais salientábel que fará a produtora inglesa (cuxa empresa matriz é a canle pública BBC).

Os libros narran a história dunha forza de resisténcia que tenta botar abaixo o tiránico império de Granbretan nun futuro moi lonxano de Europa. O seu protagonista é Dorian Hawkmoon, duque de Köln, que realizará viaxes que o levan dende as cidades pantasma do deserto de Síria até as colónias pirata nos pantanos americáns; dende as caravanas de creaturas mutantes nas montañas dos Cárpatos até o corazón do Império Escuro, a escintilante cidade de Londra, onde os ríos están cheos de sangue vermello.

Nunha nota de prensa, Moorcock dixo: “Estou encantado de que a BBC Studios desenvolva a série de Runestaff para a televisión. Coido que a equipa fará un traballo excepcional e estou desexando ver a Hawkmoon, ao Conde Brass e a Yisselda apareceren na pantalla. Este é un intre perfecto para a série, que semella mais relevante hoxe que cando a escribín orixinalmente. Traballarei moi de preto cos guionistas para desenvolver as histórias. Sínto-me coma un neno na escola, agardando sen alento a que boten o primeiro episódio“.

A série de Runestaff contará cun guionista de luxo: Steve Thompson, o mesmo de Sherlock e Doctor Who. O seu produtor executivo será Richard Stokes, e o produtor John Yorke.