Chega o feliz mundo novo

218

A canle USA Network ven de encargar a produción dunha nova série de dez episódios que versionará o clásico da ciéncia-ficción Brave New World de Aldous Huxley, unha das obras mais decote citadas coma unha das millores novelas en língua inglesa do século XX.

Publicada en 1932 e ambientada 632 anos no futuro na cidade de New London, a novela imaxina unha sociedade distópica que acadou a paz e a estabilidade grazas a un ríxido orde social no que están prohibidas a monogámia, a privacidade, o diñeiro, a famíllia e a mesma história. A obra anticipou descobrementos coma a modificación xenética, a tecnoloxía reprodutiva, a aprendizaxe durante o soño, a manipulación psicolóxica ou o acondicionamento clásico.

Un Feliz Mundo Novo
A capa da tradución galega do libro.

O proxecto levaba en desenvolvemento xa dende había catro anos, cando a Syfy, a UCP e a Amblin Television tentaron poñe-lo en marcha. O produtor de Homecoming, David Wiener, será o produtor executivo, guionista e showrunner. Grant Morrison, Brian Taylor, Owen Harris, Darryl Frank e Justin Falvey serán os outros produtores executivos.

Esta será a primeira vez que a obra sexa convertida en série, pero xa pasou dúas veces antes pola tele en senllos telefilmes de 1980, dirixido por Burt Brinckerhoff, e de 1998, dirixido por Leslie Libman e Larry Williams.

Ainda que non hai data de estrea fixada, xa en agosto abriu-se unha mesa de traballo entre os guionistas e o showrunner e está decidido que a rodaxe terá lugar en Inglaterra.