A Netflix tamén cancela Punisher e Jessica Jones

799

Ainda que agardada, non deixa de ser unha nova decepcionante. Tan só un mes despois da estrea da segunda tempada de The Punisher, a Netflix ven de anunciar oficialmente que cancela a série, e xa de paso tamén renúncia a Jessica Jones, as dúas derradeiras séries da Marvel que ficaban activas.

Así pois, non haberá terceira tempada de The Punisher, mentres que a terceira (e ainda non emitida) tempada de Jessica Jones será a derradeira. Con esta cancelación, pécha-se de xeito definitivo o acordo que tiñan a Netflix e mais a Marvel para realizaren séries conxuntamente e que comezou hai cinco anos.

Coma sempre, a Netflix agradeceu nun comunicado á equipa de ambas as dúas séries polo seu traballo e deixou claro que todas elas continuarán na súa grella durante os vindeiros anos dispoñíbeis para os seus abonados.

Após da cancelación de Iron Fist, Luke Cage e Daredevil, a de The Punisher era algo que todos agardaban, pero que se cancele Jessica Jones sen tan sequera ser estreada a terceira tempada é unha sorpresa. Todas as séries foran producidas pola Marvel TV de Jeph Loeb cun tratamento moi semellante, pero despois de que a Disney decedira por en marcha a súa própria empresa de transmisión de dados, a Disney+, e dado que son os donos da Marvel Studios, era lóxico que decedisen forzar a volta á casa de todos os seus persoaxes.

Porén, ainda é moi dubidoso que ningunha destas séries regrese nun futuro próximo, porque a Netflix continúa a ter os seus dereitos en exclusiva. Así pois, é moi improbábel o relanzamento de ningunha delas até o remate do contrato.