A Netflix ven de anunciar que a súa recente série de terror The Haunting of Hill House sobre unha casa enmeigada e a família que a habita regresará para unha segunda tempada en 2020, esta vez co título de The Haunting of Bly Manor.
Os creadores da série orixinal, Mike Flanagan e Trevor Macy, que coa súa nova produtora Intrepid Pictures pecharon un acordo de exclusividade coa Netflix, regresarán para a continuación. A primeira tempada era autoconclusiva, polo que a segunda presentará persoaxes totalmente novos, convertindo asemade a série nunha antoloxía.
O nome da mansión, Bly, fai agardar que se refira á casa protagonista da famosa novela de terror de Henry James The Turn of the Screw, polo que moi probábelmente a devandita novela será utilizada coma escusa para o argumento da nova tempada, do mesmo xeito que a primeira utilizou a novela de Shirley Jackson The Haunting of Hill House para narrar a história dunha família disfuncional axexada polas pantasmas da casa na que habitan.
A série orixinal obtivera unhas críticas moi positivas da prensa especializada, pero bastante pouco optimistas do público en xeral.