O regreso da Ameaza de Andrómeda

237

Cincuenta anos despois da súa publicación e mais de dez anos despois do pasamento do seu autor Michael Crichton, a clásica novela The Andromeda Strain continúa a ser unha das millores obras de ciéncia-ficción xamais escritas e agora ademais seica vai ter unha secuela.

A obra, que foi adaptada ao cinema unha vez en 1971 e á tele outra en 2008 cunha minisérie, vai sobre un grupo de científicos que traballan nun laboratório de contención biolóxica baixo terra e que deben loitar nunha carreira contra o tempo para resolver o mistério que se agocha nun satélite.

O satélite meteorolóxico caiu nunha pequena vila en New Mexico, ceibando un virus que matou a todos os habitantes da aldea, agás a dous persoas que semellan non ter relación entre elas: un vello bébedo e mais un bebé recén nacido. Os científicos deberán determinar como se espalla o virus e por que sobreviviron só estas dúas persoas.

A editorial HarperCollins Publishers ven de anunciar que os herdeiros de Crichton aprobaron a publicación de The Andromeda Evolution, que será unha secuela directa da obra orixinal e que está escrita polo autor de Robopocalypse, o novelista supervendas Daniel H. Wilson.

Ademais da Ameaza de Andrómeda, Crichton escribiu e dirixiu os filmes Westworld, Coma e The Great Train Robbery, pero o grande éxito da súa vida chegou grazas a Jurassic Park. Entre outras das súas novelas mais populares tamén pasadas ao cinema atópan-se Rising Sun, Congo, Sphere, The Lost World: Jurassic Park, Timeline ou The 13th Warrior.