Mahershala Ali lánza-se á ciéncia-ficción

O dous veces gañador do Oscar ao millor actor secundário Mahershala Ali é a mais recente incorporación ao reparto da longametraxe independente de ciéncia-ficción Sovereign que producirán a Entertainment One e mais a 21 Laps Entertainment.

Os detalles sobre o argumento continúan sen se dar a coñecer, pero sábe-se que o guión orixinal provén da lista de guións nunca producidos de 2013 (a chamada “Blacklist”) e daquela era un thriller sobre un astronauta que vai buscar á súa ex-muller, unha científica que se perdeu nunha misión espacial. Nun primeiro intre o protagonista ía ser Joseph Gordon-Levitt.

O trío de produtores Shawn Levy, Dan Levine e Dan Cohen (os mesmos de Stranger Things) declarou: “amamos este proxecto dende hai moito tempo e agardamos pacentemente até atopar ao actor protagonista axeitado, que sen dúbida é o incríbelmente talentoso Mahershala Ali“. Marc Munden (National Treasure, Utopia) será o director a partir dun guión de Scott Beck e Bryan Woods (A Quiet Place), quen reescribiron os bocetos orixinais de Greg Weidman, Geoff Tock e Jack Thorne.

Ali pola súa banda non é un novato no eido da fantasía e a ciéncia-ficción. Entre os seus traballos mais recentes están Alita: Battle Angel (no papel de Vector) e Spider-Man: Into the Spider-Verse (poñéndo-lle a voz a Prowler). Tamén apareceu en seis episódios da série Luke Cage e na franquía de The Hunger Games, e foi o protagonista da recentemente rematada terceira tempada de True Detective.