Arrow despíde-se en outono

A série con persoaxes da DC Comics mais lonxeva en pantalla, Arrow, actualmente en emisión na canle The CW, rematará cunha oitava tempada, que será a definitiva, e que durará tan só a metade do habitual, é dicir, dez episódios. A estrea será en outono.

Arrow comezou en 2012 e continúa a ter uns índices de audiéncia moi altos. Pouco a pouco foi-se conectando co resto das séries da DC que foron nacendo ao seu redor: The Flash, Supergirl e Legends of Tomorrow. E a partir deste ano, tamén con Batwoman, que emitirá un episódio piloto protagonizado por Ruby Rose. Agárda-se de feito que Batwoman substitúa nesa mesma franxa horária a Arrow a partir da mais ca posíbel aprobación da série, converténdo-se asemade na nova face “sinistra” do universo das séries da DC.

Os produtores executivos, Greg Berlanti, Marc Guggenheim e Beth Schwartz emitiron unha declaración conxunta na que din: “Esta foi unha decisión difícil de tomar, pero cada decisión difícil que fixemos os pasados sete anos foi cos millores intereses para Arrow en mente. Estamos animados polo feito de que Arrow fixo nacer todo un universo de programas que continuarán durante moitos mais anos. Emocióna-nos facer un remate que honre á série, aos seus persoaxes e ao seu legado e estamos agradecidos a todos os guionistas, produtores, actores, e, moito mais importante, á incríbel equipa que nos mantivo a nós e ao programa durante sete anos“.

Pola súa banda, o protagonista da série, Stephen Amell, tamén chiou no Twitter: “Interpretar a Oliver Queen foi a meirande experiéncia profesional da miña vida… pero non podes ser un vixilante para sempre… hai moito que dicir… polo de agora só quero dar as grazas“.