Gemini Man terá dúas versións en HFR

613

Novamente o realizador Ang Lee quere ir alén dos límites do médio da exhibición en salas de cinema cunha nova película, neste caso o thriller de ciéncia-ficción Gemini Man que protagonizará Will Smith.

A Paramount Pictures enviou ás salas de cinema unha carta para lles preparar para este filme, no que Smith interpreta a un asasino envellecido que está a tentar rematar co seu actual xeito de vida, pero atopa que hai un clon de si mesmo que o está a perseguir.

Smith tamén dá vida ao clon, para o que se utilizará unha chea de efectos especiais que tenten devolver ao actor á fasquía que tiña nos anos 90. Tal e coma se demostrou no filme Captain Marvel con Samuel L. Jackson, é posíbel quitar anos a un persoaxe dixitalmente, pero naquel caso foi só para unha longametraxe normal.

A versión de Lee tentará ir alén, para o que a carta da Paramount dá instrucións de como facer probas de se a sala de cinema está equipada para amosar tecnoloxía HRF (high frame rate) e que así o filme poda presentar-se en dúas versións con diferentes velocidades de cadros por segundo: unha versión de 60 fps en 3D e outra de 120 fps en 2D. Estas dúas novas versións unirán-se asemade á normal e habitual de 24 cadros por segundo en 2D na que case todas as películas se exhiben.

Gemini Man ten prevista a súa estrea para o vindeiro 4 de outubro.