James Gunn volve á Marvel

114

Nun anúncio totalmente inesperado, a Disney Pictures e mais a Marvel Studios deron a coñecer que contrataron de novo a James Gunn, o guionista e director de Guardians of the Galaxy, para a terceira entrega desta franquía. A recontratación de Gunn fai-se despois de que en xullo pasado fora despedido por mor duns chíos ofensivos que escribiu hai moitos anos sobre pedofília e violacións.

Os devanditos chíos foron atopados por propagandistas da estrema dereita, que os utilizaron para atacar ao suposto progresismo das estrelas de Hollywood, convertendo este feito nun espectáculo público nas redes sociais. Gunn admitiu escribir os chíos, ainda que dixo que foi cando era mais novo e só tentaba, sen moito éxito, ser chistoso e provocador nos anos 90. Nunca tentou defender-se e limitou-se a pedir escusas.

A Disney, presionada pola ultradereita, despediu a Gunn en xullo, pero após de moitas entrevistas co presidente da Walt Disney Studios Alan Horn, cambiou de opinión e decediu-se a devolver ao director ao seu posto. Nestes intres, Gunn está a traballar para unha empresa rival dirixindo The Suicide Squad. A rodaxe comezará en outono e a Marvel non puxo impedimentos para elo.

Gunn escribira un guión para a terceira parte dos Gardiáns, que a Marvel xa confirmou que quere utilizar. Todo o reparto do filme expresara o seu desexo do regreso de Gunn, especialmente Dave Bautista. Após das novas, o director chiou o seu agradecemento aos fans polo seu apoio.

Polo de agora non hai datas confirmadas para o comezo da produción de Guardians of the Galaxy Vol. 3, pero dado que The Suicide Squad ten que ir antes, agárda-se que o regreso de Gunn á Marvel non se produza até a segunda metade de 2020 coma moi cedo.