Pablo Schreiber é o Xefe Mestre

689

O actor de Orange is the New Black e American Gods Pablo Schreiber ven de se facer co papel protagonista na longamente agardada adaptación á pequena pantalla do clásico videoxogo HALO que se emitirá a través da canle por cable Showtime.

Schreiber fará o papel do Xefe Mestre, o guerreiro mais avanzado da Terra no século XXVI e a derradeira esperanza de salvación para unha civilización a piques do seu colapso por mor da Alianza (Covenant no orixinal), unha asociación de mundos alieníxenas comprometidos coa destrución da humanidade.

Pola súa banda, o principiante Yerin Ha foi seleccionado para ser Quan Ah, un espelido e afouto rapaz de 16 anos das Colónias Exteriores que atopa ao Xefe Mestre nun intre transcendental para ambos.

A série seica “mesturará histórias persoais profundamente debuxadas con acción, aventura e unha visión do futuro ricamente imaxinada“, segundo os seus responsábeis. Kyle Killen e Steven Kane serán os showrunners e produtores executivos.

HALO aínda non conta cunha data de estrea.