O protagonista da decepcionante Solo: A Star Wars Story, Alden Ehrenreich, ven de obtér o papel principal de Brave New World, a adaptación do clásico libro de Aldous Huxley á televisión que a canle USA Network fará ao longo de dez episódios.
A novela, considerada decote ún dos millores libros en inglés do século XX, está ambientada 632 anos no futuro na cidade de New London, e imaxina unha sociedade utópica que acadou a paz e a estabilidade grazas a un ríxido orde social no que están prohibidas a monogámia, a privacidade, o diñeiro, a família e mesmo a história. A obra anticipou desenvolvementos en tecnoloxía reprodutiva, aprendizaxe no soño, manipulación psicolóxica e condicionamento clásico.
Ehrenreich interpretará a John o Salvaxe, fillo de nai e pai do Mundo Feliz e concibido tras un erro accidental no método anticonceptivo, criado fóra dos confíns do Novo Mundo e cuxa preséncia ameaza con alterar o orde social da utopía. Este será o primeiro papel que fai Ehrenreich coma protagonista, pero tamén coma actor habitual dunha série de televisión.
A Universal Content Productions e mais a Amblin Television producirán a série, que contará co responsábel de Homecoming, David Wiener, coma produtor executivo, guionista e showrunner. Grant Morrison, Brian Taylor, Owen Harris, Darryl Frank e Justin Falvey serán os outros produtores executivos.