John Cusack será, xunto aos xa contratados Sasha Lane e Rainn Wilson, o protagonista da versión americana que a Amazon fará de Utopia, a série británica que a Channel 4 emitiu ao longo de 2013 e 2014.
A história, que deu moito que falar hai uns anos por mor das súas excesivas doses de violéncia, vai sobre un grupo de rapaces que se coñecen online e que son perseguidos sen piedade por unha sinistra organización, todo tras descubrir que posúen a única cópia dunha novela gráfica de culto.
O devandito cómic contén teorías da conspiración que poderían ser verdadeiras, incluíndo horríbeis sucesos que aínda non aconteceron, polo que os rapaces ven-se obrigados a salvar o mundo. A guionista de Gone Girl, Gillian Flynn, escribiu esta adaptación.
Cusack interpretará ao doutor Kevin Christie, un xénio e filántropo carismático e experto en médios e biotécnica que quere salvar ao mundo a través da ciéncia. Este programa será a primeira ocasión na que Cusack é o protagonista dunha série de televisión.
Jessica Rhoades, Sharon Hall, Karen Wilson e Dennis Kelly son os produtores executivos.