Outra série de debuxos animados de Star Trek

Os gañadores dun prémio Emmy Dan e Kevin Hageman (Scary Stories to tell in the Dark) están a desenvolver unha nova série de debuxos animados con gráficos xerados por computadora baseada na saga de Star Trek e que se dirixirá á audiéncia adolescente dende a canle Nickelodeon.

A história vai sobre un grupo de rapazolos rebuldeiros que descobren unha nave da Frota Estelar abandoada, a collen e a utilizan para as súas aventuras mentres procuran atopar sentido e salvación no universo.

A Eye Animation Productions, unha empresa filial da canle CBS, producirá o proxecto, que conta con Alex Kurtzman, Heather Kadin, Rod Roddenberry, Trevor Roth, os irmáns Hageman e Katie Krentz coma produtores executivos.

Esta série non garda relación coa comédia Lower Decks, tamén baseada en Star Trek, que conta co guionista de Rick and Morty Mike McMahan e que ten previsto emitir-se na canle CBS All Access (e na Netflix con case total seguridade) ao longo de 2021.