A Hulu fará dúas séries da Marvel

231

Seica a Marvel non quere forzar todos os seus proxectos na nova Disney+ e de feito a Hulu (un servizo de transmisión de datos que non se pode ver mais ca nos Estados Unidos) ven de anunciar onte que ten plans para producir dúas novas séries de acción baseadas en senllos persoaxes da Marvel Comics: Ghost Rider e Hellstrom.

A Marvel Television estará en todo caso atrás destes programas e o xefe da compañía, Joseph Loeb, suxeriu que poderían emitir-se conxuntamente nunha espécie de bloque chamado “Espírito de Vinganza”.

A série Ghost Rider terá coma protagonista a Robbie Reyes, o prototipo de antiheroe que vive na fronteira entre México e Texas e que é consumido polo lume do inferno e transformado nun demo. Cando é quen de ceibar ao Motorista Pantasma, Robbie trae vinganza para os inocentes que atopa, mentres tenta manter o control sobre o poder que leva dentro.

As novas son que Gabriel Luna repetirá o papel de Robbie Reyes que xa interpretou en Agents of S.H.I.E.L.D. pero ao mesmo tempo, a nova série terá un percorrido totalmente distinto e non estará vencellada de ningún xeito á súa liña argumental. É dicir, que queren ao actor para o papel, pero non se manterá a continuidade co programa anterior para que os novos espectadores podan gozar directamente sen ter que ver episódios pasados.

Pola súa banda, Helstrom narra as aventuras de Daimon e Stana Helstrom. O persoaxe de Daimon apareceu por primeira vez no número 1 de Ghost Rider e era o fillo do mesmísimo Satán, mentres cá súa irmá chamába-se Satana. Nesta versión, edulcorada para que os nenos non se asusten moito, cambiarán lixeiramente os nomes e serán sóamente fillos dun misterioso asasino en série.

Ingrid Escajeda será a showrunner de Ghost Rider, mentres que Paul Zbyszewski o será de Helstrom. Ningunha das dúas séries conta polo de agora con datas de estrea.