Roland Emmerich quere 100 millóns para Moonfall

622

Após do relativo éxito do filme chinés A Terra Errante, que polo seu inverosímil argumento semellaría estar dirixida por Roland Emmerich (The Day After Tomorrow, 2012) o realizador alemán non quere ficar atrás na carreira dos filmes de desastres e ven de revelar que o seu vindeiro proxecto será outro filme de ciéncia-ficción cun guión ainda mais rebiricado, que levará por título Moonfall e contará cun orzamento por riba dos 100 millóns de dólares.

A história xirará ao redor dunha banda de inadaptados que deberán salvar á humanidade cando unha misteriosa forza choque contra a Lúa, desviándo-a da súa órbita e dirixíndo-a cara á Terra.

Cando só fiquen unhas poucas semanas antes do impacto, a equipa deberá lanzar unha misión imposíbel ao espazo, aterrar na superfície da Lúa, descobrir os seus segredos e salvar ao noso planeta da aniquilación. Pero antes, deberán vencer a unha misteriosa e inmensa forza que desafía todo o que sabemos sobre nós mesmos e sobre o universo.

Coma non podía ser doutra, o mesmo Emmerich escribiu o guión xunto a Harald Kloser e Spenser Cohen e será o director do filme, que aínda non conta cun reparto de actores.

O proxecto estaba até agora nas mans da Universal, e Emmerich quere vende-lo a outros puxantes este ano no decurso do mercado de cinema de Cannes, para poder comezar a rodaxe a primeiros de 2020.