Villeneuve dirixe á Irmandade de Dune

198

A Legendary e mais a Warner Brothers unirán as súas forzas para recrear o universo de ciéncia-ficción de Dune nunha nova websérie titulada Dune: The Sisterhood que se poderá ver a través do vindeiro servizo de streaming WarnerMedia.

O proxecto servirá asemade para acompañar ás películas que está a rodar Denis Villeneuve baseadas no clásico mundo imaxinado por Frank Herbert e continuará despois coma spin-off das mesmas. A Legendary Television e a Warners Television distribuirán a série.

Ambientada no mesmo universo de Dune, a série porá a súa ollada sobre a misteriosa orde de mulleres coñecida coma Bene Gesserit. As súas membros están dotadas de extraordinários poderes físicos e mentáis e manexan con destreza as políticas e intrigas do Império, perseguindo plans de seu que as leven finalmente a dominar o enigmático planeta Arrakis.

O mesmo Villeneuve dirixirá o episódio piloto, que contará cun guión de Jon Spaihts (a mesma parella xa co-escribiu o guión dos filmes xunto a Eric Roth). Villeneuve e Spaihts serán os produtores executivos xunto a Brian Herbert, Byron Merritt e Kim Herbert.

Polo de agora non está claro se algún dos actores da enorme lista de protagonistas das películas unirán-se á série. No elenco figuran xa os nomes de Timothee Chalamet, Rebecca Ferguson, Oscar Isaac, Josh Brolin, Stellan Skarsgård, Dave Bautista, Zendaya, David Dastmalchian, Stephen Henderson, Charlotte Rampling, Jason Momoa e Javier Bardem. A rodaxe está xa en marcha e a estrea da primeira parte será o 20 de novembro de 2020.