Onte clausurou-se a segunda e derradeira xornada da Comic Con de Múnic (Alemaña) na que tivemos a fortuna de poder participar. Entre os convidados deste ano, á parte da presenza estelar de Lena Headey (a raíña Cersei en Game of Thrones), cómpre salientar os nomes de David Mazouz e Sean Pertwee (Bruce Wayne e Alfred en Gotham), Dominic Purcell (Mick Rory en Legends of Tomorrow), Gates McFadden (a doutora Beverly Crusher en Star Trek), Manu Bennet (Deathstroke en Arrow), Edward James Olmos e Mary McDonnell (o Comandante Adama e mais a Presidenta Laura Rosin en Battlestar Galactica), Casey Cott (Kevin Keller na série Riverdale), Robert Englund (o inesquecíbel Freddy Krueger da saga de Pesadelo en Elm Street) e mais o colombiano Carlos Valdés (Cisco Ramon en The Flash).
Na sesión cos protagonistas de Battlestar Galactica, o noso Editor puido-lle preguntar a Edward James Olmos e Mary McDonnell pola súa opinión ao respeito do polémico final da série, e ambos coincidiron en que lles gustou. Olmos dixo que era un bó final e que para el foi especialmente importante que a história ficase pechada dun xeito circular, mentres ca McDonnell pola súa banda dixo que ela non cría ter o dereito de cuestionar a narrativa da série na que traballou até o derradeiro episódio. Pero salientou que o final lle gustou, lle abraiou e que estivo “dous minutos pensando” no que vira e no seu sinificado.
Durante o panel, McDonnell estivo especialmente incisiva ao denunciar a falla de dereitos para as mulleres e criticou moito que o seu país nunca tivera unha muller Presidente. Nesta liña coincidiu con Gates McFadden, cuxa intervención un par de horas antes fora maiormente política, contra a actual administración e a favor do médio ambiente. Pero tamén tivo ocasión de relembrar como aínda hoxe moita xente a confunde cunha médico de verdade e de contar algunhas anécdotas cos fans.
Quen estivo realmente desatado foi Manu Bennet, quen contou como logrou facer-se co papel de Deathstroke en Arrow grazas ao que lle contara un soldado americano en misión en Kuwait tan só un día antes da proba de repartimento. E non contento con facer unha exhibición dos seus músculos, bailou unha haka (o baile cerimonial de desafío na cultura maorí) e desvelou que é un gran fan de Leni Riefenstahl, o que fixo que xurdiran non poucos murmúrios na sala.
A festa estivo ademais animada co concurso de cosplay, a presenza de moitos autores de cómic alemáns coma Rötger Feldmann (o creador de Werner), numerosos stands, actores de The Walking Dead, Sean Biggerstaff e Devon Murray da saga de Harry Potter, e mais a exhibición en exclusiva do primeiro episódio da nova série de superheroes da Amazon, The Boys, que deixou unha moi boa impresión.