Myst comeza un proxecto para a tele

1192

A produtora australián Village Roadshow Entertainment Group ven de adquirir os dereitos para levar aos cinemas e mais á televisión o famoso videoxogo dos anos 90 Myst.

A compañía planea afondar na mitoloxía da popular franquía de aventuras e desenvolver un universo multiplataforma no cinema e na televisión, con formatos con e sen guión. A súa intención é facer unha “aproximación a escala total” para desenvolver contido, utilizando para elo a equipa creativa da compañía.

De Myst producíron-se en total cinco xogos, que venderon mais de 15 millóns de cópias en todo o mundo dende o seu lanzamento inicial en 1993. De feito, a primeira entrega da série foi o videoxogo mais vendido da história durante nove anos, até que The Sims o superou en 2002.

Na pantalla, os xogadores asumen o papel dunha persoa sen nome que atopa un libro titulado Myst. O xogador lé o libro e descobre unha descrición da illa do mesmo nome. Cando pon a man na derradeira páxina, é transportado a ese mundo e ten que comezar a explorar a illa. A história abrangue moitas mitoloxías e mesmo milénios, que deben ser explorados ao longo do xogo.

Os co-creadores da aventura, os irmáns Rand e Ryan Miller, desenvolverán o proxecto xunto á Roadshow, Isaac Testerman e Yale Rice.