Após de vários intentos que non tiveron éxito e mais dunha versión para o cinema que foi aparcada pola New Line, a Netflix e mais a Warner Bros. Television están por pechar un acordo para adaptar a clásica novela gráfica The Sandman de Neil Gaiman a unha série de televisión con actores reais e que será emitida pola Netflix.
Seica este será de lonxe o proxecto mais cobizoso que a DC Entertainment tentou facer até a data. Allan Heinberg (Wonder Woman) será o guionista e showrunner dunha série que se emitirá en exclusiva pola Netflix e non no vindeiro servizo de streaming da DC nin do da Warner. Gaiman será o produtor executivo xunto a David Goyer.
O cómic orixinal, que publicou a Vertigo, narra as aventuras de Soño (ou Morfeo), o señor do mundo dos soños que leva sete décadas prisioneiro por mor dun ritual oculto. Após de fuxir, o seu reino atópa-se no caos pola súa auséncia, e agora terá que cambiar o xeito no que facía as cousas, o que non será doado para un ser que leva vivo miles de millóns de anos. Entre os artistas que a debuxaron estaban Sam Kieth, Mike Dringenberg, Jill Thompson, Shawn McManus, Marc Hempel e Michael Zulli.
A série combinará elementos da mitoloxía, terror, acontecementos históricos e humor absurdo. Entre os persoaxes atoparemos aos irmáns de Soño: a súa irmá, a roqueira punk gótica Morte, os seus axudantes, que son animais que falan, e mais ao inmortal Coríntio, que ten dúas bocas no lugar dos ollos.
A Warner tentou facer unha longametraxe coa franquía nos anos 90, pero a série, de 75 números publicados entre 1989 e 1996, tiña unha história tan rebiricada e tantos arcos argumentáis que foi imposíbel facer unha soa película dela. A HBO e mais o director de Logan, o realizador James Mangold, tentaron pola súa banda facer unha série para a tele a primeiros dos anos 2000, pero tampouco poideron saca-la adiante.
En 2010, o creador de Supernatural, Eric Kripke, estivo vencellado a unha posíbel série de televisión coa Warner Bros. TV pero tampouco esa versión chegou a bó porto. Finalmente, os últimos que tentaron facer algo foron a New Line e o actor Joseph Gordon-Levitt, pero esa versión foi cancelada hai tres anos. Curiosamente, o que si que acadou unha série de seu foi Lucifer, un dos persoaxes secundários da obra de Gaiman, e que se emite precisamente agora na Netflix.
A Netflix e a Warners polo de agora non emitiron ningún comunicado, polo que o acordo aínda está pendente de se asinar. Tampouco se sabe de cantos episódios contará a série.