Alan Wake regresa á Remedy

125

A Remedy Entertainment ven de recuperar os dereitos para publicar a franquía de videoxogos Alan Wake, até agora propriedade da Microsoft. A Remedy, un pequeno estudo finlandés independente, creou e lanzou o primeiro xogo en 2010 en exclusiva para a Xbox 360, cunha continuación en 2012 para Microsoft Windows.

Este thriller con inspiración lovecraftián ía sobre as aventuras dun escritor de terror que tentaba resolver o mistério da desaparición da súa muller. No proceso, descobre que o argumento do seu último libro comezaba sobrenaturalmente a tomar vida de seu.

O título foi aclamado polos críticos e gañou deseguido un público que o considera de culto, grazas ao seu especial xeito de narrar a história con capítulos e finais con suspense coma os dunha novela, mentres o xogo vai sobre lanternas, pistolas de sinais e outras armas baseadas na luz.

A Remedy dixera dende sempre que lles gustaría facer unha secuela, e mesmo que tiñan unha en produción que non chegou nacer, pero nunca tiveron a oportunidade de portar o seu xogo a outras plataformas porque a Microsoft posuía os dereitos sobre o título e quería mante-lo dentro da súa exclusividade.

Agora, o pequeno estudo de videoxogos confirmou por médio dunha nota de prensa que os dereitos regresaron á súa propriedade, o que sinifica que non só van facer a versión para a PlayStation, senón que poderán crear unha versión para todas as plataformas. Algunhas revistas especializadas informaron que xa están a recebir en efecto avances para outros dispositivos.

En calquera caso, a Remedy ten outra prioridade no momento, o xogo Control que aparecerá en agosto.