A Segunda Idade de J.A. Bayona

667

O realizador español J.A. Bayona ven de se facer cos postos de produtor executivo e director dos primeiros dous episódios de The Lord of the Rings, a nova série de televisión da Amazon Studios baseada na clásica obra de Tolkien e que contará cun altísimo orzamento.

A série estará ambientada na Segunda Idade, aproximadamente uns tres milénios antes dos acontecementos narrados no comezo da triloxía cinematográfica de The Lord of the Rings, na que se vía unha batalla que marcaba o remate da Segunda Idade e a primeira derrota de Sauron.

A Segunda Idade comeza após da expulsión de Morgoth, o señor escuro anterior a Sauron, e a nova série podería tratar sobre o xurdimento de Sauron, a creación do Anel Único e a aparición dos Nazgûl, os nove Espectros do Anel.

Nun comunicado, Bayona dixo: “J.R.R. Tolkien creou unha das histórias mais extraordinárias e inspiradoras de todos os tempos, e coma fan de toda a vida, é unha honra e unha ledícia unir-me a esta marabillosa equipa. Non podo agardar a levar ao público de todo o mundo á Terra Média e facer-lles descobrir as marabillas da Segunda Idade, cunha história nunca antes vista“.

Bayona fíxo-se un nome entre os afeccionados grazas ao seu filme El Orfanato en 2007, foi o responsábel de lanzar a carreira de Tom Holland con The Impossible, e recentemente dirixiu o filme de grande orzamento Jurassic World: Fallen Kingdom, a quinta entrega da popular saga dos dinosáuros.

Belén Atienza será a outra produtora executiva da série, que conta con JD Payne, Patrick McKay e Gennifer Hutchison coma guionistas e co gañador dun Emmy Bryan Cogman (Game of Thrones) coma asesor.

O proxecto será posibelmente o mais caro da história da televisión. As cifras que se rumorean coma custes de produción sobrepasan xa os 500 millóns de dólares.