O creador de John Wick, con Falcon e Winter Soldier

1033

O creador de John Wick, Derek Kolstad, ven de se unir á equipa que tentará escribir o guión da nova série de televisión Falcon & Winter Soldier que producirá a Marvel Studios para o servizo de streaming Disney+.

Nesta série limitada, Anthony Mackie e Sebastian Stan repetirán os papéis de Sam Wilson (Falcon) e Bucky Barnes (Winter Soldier) que respectivamente fixeran nas películas da saga dos Vingadores no cinema. Os acontecementos serán posteriores aos vividos en Avengers: Endgame.

Pola súa banda, Emily VanCamp e Daniel Bruhl están tamén a manter conversas para regresaren aos seus papéis de Sharon Carter e Helmut Zemo. Kari Skogland dirixirá a minisérie de seis episódios, prevista para se estrear en agosto de 2020 e que se agarda sexa a primeira dunha lista de séries semellantes que a Marvel producirá para a Disney. As outras son WandaVision, Loki e mais unha con Hawkeye coma protagonista.

Kolstad escribiu o guión da recente fita John Wick: Chapter 3 – Parabellum, que tivo grande éxito entre os adolescentes, e está asemade vencellado a outros proxectos coma a adaptación ao cinema da saga de videoxogos Just Cause.