Frank Spotnitz, o lendário guionista de The X-Files e creador de The Man In The High Castle, será o responsábel dunha nova série de televisión con acción real baseada na franquía de xogos e novelas Warhammer 40,000.
A saga de novelas e contos de Eisenhorn, escrita por Dan Abnett, é a parte do extenso universo de Warhammer 40K que foi elixida para chimpar á tele. A série vai sobre as aventuras do Inquisidor Gregor Eisenhorn, e debutou en 2001 xunto á súa correspondente figuriña de chumbo. Eisenhorn era o nome dun persoaxe no xogo, que tiña un antagonista chamado Cherubael. Inspirado por este persoaxe e polo contido do wargame, Abnett escribiu a triloxía inicial, con Xenos, a primeira novela, publicada canda o xogo.
Spotnitz será o showrunner e produtor executivo da série, que aínda está á procura dunha canle ou plataforma de streaming que queiran facer-se cos dereitos de emisión.
A Big Light Productions e mais a Games Workshop producirán o proxecto. Anteriormente en 2010 xa se fixera unha película con animación xerada por computador, Ultramarines: A Warhammer 40,000 Movie, así que esta será a primeira vez que un traballo desta popular franquía de miniaturas de estratéxia é adaptada a un médio con acción real.