Brandon Routh víste-se de novo de Superman

638

O protagonista de Superman Returns, o actor Brandon Routh, regresará ao seu papel de Clark Kent/Superman en Crisis on Infinite Earths, o clásico crossover que os actores das séries de televisión da DC (coñecidas en conxunto coma o Arrow-verso) protagonizarán ao longo de cinco episódios este ano. Routh levaba xa traballando no Arrow-verso moitos anos, pero no papel de Ray Palmer/Atom na série DC’s Legends of Tomorrow.

Crisis on Infinite Earths está baseada na lendária série limitada de cómics do mesmo nome publicada pola DC hai várias décadas e na que todos os heroes dos seus diferentes universos unían-se para derrotar a un topoderoso superfalcatruán que ameazaba con destruír todos e cadaún dos infinitos universos paralelos entre os que se moven os persoaxes. O obxectivo da série foi unificar todos os universos nun só.

A versión para a tele permitirá polo tanto que as múltiples versións dos heroes aparezan na pantalla, incluindo a Routh e Tyler Hoechlin facendo as súas respectivas versións de Superman.

Outra das grandes sorpresas será a aparición do Robin orixinal da série Batman dos anos 60, o actor Burt Ward, quen se unirá ao crossover no seu papel do Neno Marabilla. A produtora executiva de Batwoman, Caroline Dries, fixo o anúncio o sábado no decurso da Comic-Con de San Diego.

Agárda-se que practicamente todos os persoaxes salientábeis do Arrow-verso teña unha aparición e que de paso aproveiten para despedir a algúns dos heroes cuxas séries están por rematar, coma o de Stephen Amell (Oliver Queen/Green Arrow). O crossover será tan grande que precisarán dividi-lo en tres episódios a emitir en decembro de 2019 e dous en xaneiro de 2020.