The Orville adía-se e pasa á Hulu

840

Inda que os espectadores galegos que seguen a versión dobrada ao español non-o van notar, para o ano haberá un cámbio importante na série de ciéncia-ficción de Seth MacFarlane, The Orville. O programa deixará de se emitir na canle Fox e chimpará en exclusiva á Hulu, un servizo de streaming que só se pode ver legalmente nos Estados Unidos.

Por mor dos moitos efectos especiais requiridos e a carga de traballo de MacFarlane, agárda-se un grande atraso na estrea da terceira tempada, polo que até o final de 2020 non se poderá ver a continuación das aventuras do capitán Ed Mercer.

Tanto Fox coma Hulu son agora propriedade da Disney, que quere utilizar á segunda para incorporar contidos que non sexan axeitados para o público familiar que agardan reunir en Disney+. Por este motivo é asemade moi posíbel que este non sexa o único programa que chimpe dende a Fox até a Hulu.

Nun comunicado oficial, MacFarlane dixo: “Os meus amigos da canle entenderon o que eu tentaba facer con esta série, e fixeron un traballo espectacular de márketing, lanzamento e programación nas pasadas dúas tempadas. Pero coma o programa evolucionou e se fixo mais ambicioso en termos de produción, decidín que non podería fornecer mais episódios até 2020, o que sería un desafío para a canle. Así que comezamos a discutir como apoiar millor a terceira tempada dun xeito que funcionara para o programa. É exactamente este tipo de disposición para acomodar as necesidades creativas dun programa o que me fixo posíbel ficar aquí tanto tempo. Estou en débeda con Charlie Collier e a Fox Entertainment pola súa xenerosidade e desexo continuar desenvolvendo proxectos aquí. E aos meus novos amigos da Hulu, desexo que coa nosa nova colaboración poidamos explorar a galáxia xuntos“.