Após do seu recente éxito con The Boys, a Amazon Studios quere continuar explorando outras faces do mundo dos superheroes e agora prepára-se para levar ás pequenas pantallas unha adaptación da longametraxe de ciéncia-ficción de 2018 Fast Color.
O filme orixinal ía sobre tres xeracións de mulleres negras, Ruth (Gugu Mbatha-Raw), a súa nai Bo (Lorraine Toussaint) e a filla de Ruth, Lila (Saniyya Sidney), coma protagonistas dun orixinal mundo de ciéncia-ficción. O filme pasou sen pena nen glória polos cinemas e apareceu no mercado de vídeo hai un par de semanas.
A série de televisión xirará ao redor de Ruth, unha ex drogadita e fugada, que regresa á casa e redescobre os poderes especiais que coidaba que perdera, uns poderes que a súa família levaba moito tempo tentando agochar do público. Tres xeracións de mulleres reconectarán as súas vidas mentres aprenden mais sobre si mesmas e das xeracións que as precederon, até se decataren de que unha delas podería salvar ao mundo.
A compañía JuVee Productions, propriedade de Viola Davis e Julius Tennon, será a produtora xunto aos guionistas do filme orixinal Julia Hart e Jordan Horowitz e mais a LD Entertainment de Mickey Liddell. Hart e Horowitz escribirán o episódio piloto e Hart será o director.