A Amazon e mais a Paramount Television desenvolverán conxuntamente unha nova série de televisión que adaptará á pequena pantalla o clásico filme de terror gore e ciéncia-ficción Event Horizon, que dirixiu Paul W.S. Anderson en 1997.
Philip Eisner fora daquela o autor do guión, no que unha nave espacial desaparecida no decurso dunha proba dun motor de gravidade experimental aparecía misteriosamente anos despois en órbita ao redor de Neptuno.
Unha tripulación de rescate e mais o inventor do motor de gravidade son enviados a investigar, pero alí descobren que a nave acabada de reaparecer ven de viaxar a unha dimensión fóra do universo coñecido, que é esencialmente o inferno, e infecta a nave de rescate cun ser sinistro que fai que a tripulación morra de xeitos cada vez mais espantosos. Laurence Fishburne, Sam Neill, Jack Noseworthy, Kathleen Quinlan, Sean Pertwee, Jason Isaacs e Joely Richardson foran os protagonistas do filme.
Adam Wingard (Death Note) será o produtor executivo e dirixirá esta série unha vez que remate o seu actual traballo en Godzilla vs. Kong, que ten prevista a estrea en marzo do ano que ven.