Despois de moitos rumores ao longo deste ano, xa é oficial: a Warner Bros. Pictures e mais a Village Roadshow Pictures unirán-se para faceren unha cuarta película de The Matrix, na que regresarán os seus protagonistas Keanu Reeves e Carrie-Anne Moss e mais a co-guionista e co-directora Lana Wachowski. Reeves e Moss repetirán os seus papéis de Neo e Trinity respectivamente, mentres que Lana será a única directora nesta ocasión. O guión correrá a cargo de Aleksander Hemon, David Mitchell e mais a mesma Lana Wachowski.
Podería coidar-se que o decepcionante resultado da cuarta entrega da saga de Indiana Jones vacinaría aos grandes estudos de Hollywood de tentar o mesmo experimento con The Matrix. Pero cando se trata de cartos, e agora que Keanu Reeves semella estar de volta entre os fans, iso era esperar demasiado. Só cómpre agardar que polo menos o seu protagonista afeite a barba de esmoleiro e non traia ao seu horríbel can.
O presidente da Warner Bros. Pictures Group, Toby Emmerich, fixo onte o anúncio mediante un comunicado, no que dixo: “Non poderiamos estar mais emocionados de re-entrar na Matrix con Lana. Lana é unha auténtica visionária – unha realizadora singular e orixinal – e estamos encantados de que escriba, dirixa e produza este novo capítulo no universo de The Matrix“.
Wachowski pola súa banda engadiu: “Moitas das ideias que Lilly e mais eu exploramos hai vinte anos sobre a nosa realidade son aínda mais relevantes hoxe. Estou moi contenta de ter a estes persoaxes de volta na miña vida e agradecida por ter outra oportunidade de traballar cos meus brillantes amigos“.
Wachowski será a produtora canda Grant Hill e a rodaxe comezará probábelmente a primeiros de 2020. Os tres filmes anteriores, estreados entre 1999 e 2003, recadaron en conxunto mais de 1.600 millóns de dólares nos despachos de billetes de todo o mundo. Todos eles contaron coa dirección e mais o guión de Lana e mais a súa irmá Lilly e estiveron protagonizados por Reeves, Moss, Laurence Fishburne e Hugo Weaving.