O supercurte de IT

Aínda que hai declaracións súas contraditórias sobre o caso, o realizador Andy Muschietti dixo ultimamente que hai sobre a mesa unha proposta auténtica de facer un “supercurte” cos dous episódios de IT que el dirixiu, no que se incluiría unha reedición da película, engadindo material eliminado e mesmo con novas escenas.

Nunha recente entrevista, Muschietti dixo: “Estamos en conversas cos estudos para facermos un supercurte, que serían basicamente as dúas películas editadas xuntas con todo o material que non está nas versións distribuídas. E si, hai un par de escenas que quero rodar para facer disto unha nova experiéncia“.

Especificamente, dixo que hai dúas secuéncias que ten aínda que rodar e que lle gustaría engadir: “unha cousa é da novela e a outra non… quero ser un pouco críptico sobre elo“.

Os dous filmes teñen unha duración de 135 e 165 minutos respectivamente, o que en total son cinco horas. Muschietti estima que o seu supercurte alongaría a história até ao redor de 6 horas e média, e está aberto a face-lo nun formato mais de série, coma o recente caso de Quentin Tarantino co seu The Hateful Eight, convertido nunha série de catro episódios: “A xente podería elixir como ve-lo, todo dunha sentada ou, xa sabes, facendo pequenas pausas ou cun atracón! Se cadra estará dividido en episódios. A xente agora péga-se atracóns de séries de 10 horas, así que non me sorprendería“.

IT: Chapter Two está actualmente nas salas de cinema e aínda que a súa recadación inicial foi un pouco por baixo do agardado (91 millóns sobre os 100 que se esperaban) está a facer unha manchea de cartos, que lle permitirían aos estudos dar luz verde a esta posibilidade.