Sam Esmail nunha nova Battlestar Galactica

106

O novo servizo de streaming da NBC, que se chamará Peacock, fixo antonte unha presentación dos seus contidos, e sen dúbida o mais salientábel será que o creador de Mr. Robot e produtor executivo de Homecoming, Sam Esmail, encargará-se dunha nova série dentro da franquía de Battlestar Galactica.

Glen A. Larson creou a série orixinal para a canle ABC a finais dos anos 70, pero o verdadeiro apoxeo e os aplausos unánimes de crítica e fans chegaron entre 2004 e 2009, cando a NBC Universal TV produciu unha nova versión baixo dirección de Ronald D. Moore na canle Sci-Fi Channel (actualmente SyFy). Esmail seica está en contacto con Moore, que asemade é o showrunner de Outlander.

A série céntra-se no derradeiro grupo de humáns, ao bordo da extinción, despois de perderen unha guerra contra unha raza de robots chamada Cylons, que destruíu as Doce Colónias. Todos os humáns que fican están nun grupo de naves espaciais protexidas pola Galactica, unha poderosa nave de combate e que é a súa derradeira esperanza para atoparen a mítica Décimo terceira Colónia, un planeta que só aparece nas súas fábulas e que é coñecido como Terra.

Esmail pola súa banda, e para a tranquilidade de todos os fans, explicou na súa conta de Twitter que o novo programa non será un remake nin un relanzamento da franquía, senón que se encaixará dentro da continuidade da série da Syfy, da que Esmail declára-se fan:

Fans de BSG, este NON será un remake da marabillosa série que lanzou Ronald D. Moore porque… por que fedellar coa perfección? No seu lugar, exploraremos unha nova história dentro da mitoloxía e ficaremos fieis ao espírito de Battlestar. Iso decimos todos!“.

A Peacock comezará as súas emisións no decurso da primeira metade do ano que ven.