Após de xa case dúas décadas en desenvolvemento, un novo director ven de chegar a bordo dun proxecto que semella interesante pero que leva demasiado tempo no caixón do esquecemento: a história de terror mariño The Last Voyage of the Demeter, agora baixo a produción da Amblin Entertainment.
O director noruegués André Øvredal (Scary Stories to tell in the Dark) está a negociar a súa incorporación a un proxecto que conta coa produción de Bradley Fischer, Mike Medavoy e Arnold Messer.
Bragi Schut (Season of the Witch) escribiu o guión orixinal, inspirado por unha parte da clásica novela Dracula de Bram Stoker, na que un barco de mercancías chamado Demeter transporta a caixa do conde Drácula dende Transilvánia a Londres. O vampiro vai matando á tripulación ún por ún durante toda a viaxe até que o barco chega ao porto en Inglaterra con tan só un sobrevivente tolo. A película narrará a história desta viaxe.
Øvredal é polo de agora o último nome que fica vencellado coma director a un proxecto no que nun ou outro intre estiveron Robert Schwentke, Marcus Nispel e David Slade, cos actores Ben Kingsley e Noomi Rapace tamén ao redor do mesmo.
De concluíren positivamente as negociacións, Øvredal comezaría a rodaxe en canto remate a adaptación do libro de Stephen King The Long Walk para a New Line.