O responsábel de filmes coma Valhalla Rising ou The Neon Demon, o danés Nicolas Winding Refn, será o novo co-director e produtor executivo dunha nova série de televisión que producirá a HBO e que adaptará á pequena pantalla a franquía de cinema Maniac Cop, que cos anos converteu-se para os fans nun clásico de culto do terror.
A história, ambientada en Los Angeles, amosa unha manchea de persoaxes que van dende policías até criminosos. Mentres tanto, un asasino en uniforme de policía está a desatar o caos nas rúas, a paranóia leva ao desorde social e a cidade loita para resolver o mistério dun brutal exterminador vestido de azul. É un simples mortal, ou unha forza sobrenatural?
O proxecto contará coa produción dos estudos de Refn, a NWR Originals, en colaboración coa HBO e o Canal Plus. Refn será o showrunner e dirixirá todos os episódios da série xunto a John Hyams (Universal Soldier: Regeneration). Segundo as súas própias verbas, o proxecto será “unha odiséia sen adulterar e cheia de terror” pero tamén incluirá un “forte comentário sobre o declive da civilización“.
Refn e Hyams serán igualmente os produtores executivos xunto a Nick Hall, Lene Borglum, Frederic Fiore, Alex Gayner, Efe Cakarel e mais o director da triloxía orixinal de Maniac Cop no cinema, William Lustig.