Os produtores e showrunners de Game of Thrones David Benioff e D.B. Weiss veñen de abandoar o seu altamente publicitado acordo coa Lucasfilm para lanzaren unha nova triloxía de filmes a partir de 2022. A parella citou o seu recente contrato millonário coa Netflix coma escusa para non redefinir o universo de Star Wars após dos Skywalker.
Nun comunicado, dixeron: “Encánta-nos Star Wars. Cando George Lucas o construiu, construíu-nos tamén a nós. Falar de Star Wars con el e mais co actual equipo foi a máxima emoción das nosas vidas e sempre estaremos en débeda coa saga que o cambiou todo. Hai un límite de horas ao día, e sentimos que non poderiamos facer xustiza a Star Wars e mais aos nosos proxectos coa Netflix. Así que lamentábelmente temos que dar un paso atrás“.
A presidenta da Lucasfilm, Kathleen Kennedy, dixo pola súa banda que “David Benioff e Dan Weiss son uns incríbeis narradores de histórias. Esperamos incluí-los na viaxe adiante cando poidan afastar-se da súa apretada axenda e enfocaren-se en Star Wars“.
A reputación do dúo sofreu considerábelmente nos últimos tempos por mor dos trolls de Internet, que os acusan de non dar un remate abondo satisfatório á série de Game of Thrones. Ambos engarelláron-se ademais nos últimos días nunha liorta en Twitter, na que xunto ao guionista de Solo: A Star Wars Story chegaron insinuar que a culpa do fracaso deste filme foi dos departamentos de marketing da Lucasfilm e da Disney.