A estrela de comédias coma George of the Jungle ou 17 Again, Leslie Mann, ven de asinar o contrato polo que será a protagonista dun novo thriller producido pola Amazon Prime, unha série de televisión de dez episódios titulada The Power e baseada no subversivo libro feminista de ciéncia-ficción homónimo orixinal de Naomi Alderman. Reed Morano (The Handmaid’s Tale) será o director e produtor executivo.
O argumento da série baséa-se na premisa de que todas as rapazas adolescentes do mundo desenvolven o poder de electrocutar a vontade á xente. Este é un poder integral, do que non se poden desfacer. E as cousas póñen-se aínda mais interesantes cando se decaten de que poden facer espertar tamén nas mulleres maiores a posibilidade de ferir ou matar ceibando electricidade pola punta dos dedos.
Cando practicamente todas as mulleres do mundo poidan face-lo, todo será distinto. A narración, que se desenvolve en distintas capas, segue a história de várias mulleres, entre as que se atopan unha nena orfa que se converterá nunha líder, a filla dun xefe da máfia en Londres, unha xornalista nixeriana informando sobre este cámbio mundial, e o persoaxe de Mann, a alcaldesa de Seattle.
Xunto a Morano, Jane Featherstone e Naomi de Pear serán as produtoras executivas.