Os Libros do Sangue na Hulu

581

O veterán produtor de ciéncia-ficción Brannon Braga ven de se facer cargo de Books of Blood, a adaptación da antoloxía de terror orixinal de Clive Barker que prepara a Hulu e planea converte-la no seu debut coma director no cinema.

Anna Friel, Britt Robertson, Rafi Gavron e Yul Vazquez protagonizarán este filme que narra tres misteriosas histórias vencelladas no tempo e no espazo. Friel interpreta a unha psicóloga que acadou sona coma escéptica. Após de perder ao seu fillo de sete anos por mor da leucémia, atopará a un mozo carismático (Gavron) que se converte no seu amante e a convence de que el fala no nome do seu fillo morto.

Robertson interpreta a unha rapaza que sofre misofónia (unha manía desencadeada por certos sóns) e que se muda a Los Angeles. Vazquez será un asasino profesional cuxo último encargo pon-no na pista dun valiosísimo libro que lle podería permitir a el e mais á súa muller retirar-se para sempre.

Braga e Adam Simon (Salem) co-escribirán o guión e a parella será ademais produtores executivos xunto con Barker, Seth MacFarlane, Erica Huggins, Alana Kleiman, Brian Witten, Jeff Kwatinetz e Josh Barry.

Braga chimpou á fama coma produtor executivo da franquía de Star Trek, concretamente en Star Trek: Voyager e Star Trek: Enterprise. Posteriormente, foi o responsábel de séries coma Terra Nova, Threshold e FlashForward, e ultimamente estivo vencellado a Salem, Cosmos e The Orville.